Celebración de Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria da Asociación Costa da Morte - GDR
O pasado sábado 18 de xullo celebráronse no Centro Socio-cultural de Baio sendas Asembleas (Ordinaria e Extraordinaria) do GDR Costa da Morte para tratar, por un lado os asuntos ordinarios en primeiro lugar (aprobación de contas e informe de xestión do ano 2019; orzamento de 2020 e resumo de actividades do exercicio); e a continuación na Asemblea Extraordinaria procedeuse á renovación de cargos da Directiva despois de transcorridos catro anos desde a designación de membros da mesma.
En concreto na Asemblea Ordinaria, iniciada en segunda convocatoria ás 10:00 horas, aprobáronse as contas de 2019 da Asociación e o orzamento de 2020 que ascende a un importe total de 202.018,91 €. Así mesmo, aprobouse o informe de xestión de 2019, destacando as principais actividades desenvolvidas polo GDR durante o exercicio, como poden ser: a dinamización e divulgación da marca "Costa da Morte - Terra Atlántica" ou a Xornada sobre "Ecocomedores Escolares" que derivou nun proxecto de promoción territorial que se está a desenvolver na actualidade. Outras actuacións destacadas foron as seguintes: o proxecto presentado ao Programa "O teu Xacobeo" da Xunta de Galicia titulado "A Gastronomía Galega fai Camiño" no que se elaborou unha guía de pratos tradicionais e produción locais polas comarcas por onde transcorren os distintos Camiños de Santiago; o proxecto "A Costa das Mulleres" centrado nas actividades do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, no que se desenvolveu unha campaña de visibilización e sensibilización sobre o rol das mulleres da Costa da Morte, a través dunha serie de vídeos reivindicativos do seu papel e importancia nas principais actividades socioeconómicas do territorio; tamén se informou sobre outras actividades de promoción territorial e accións de divulgación do GDR, como a publicación de anuncios tanto en prensa como en radio e a celebración dunha Xornada formativa sobre a extracción de Resina, así como outras accións relacionadas coa elaboración de material publicitario do Grupo.
En canto ao programa Leader 2014-2020 explicouse brevemente a situación do programa na actualidade, destacando o elevado grao de execución preto do 100% en todo o periodo ata a actualidade, e cunhas cifras de investimento e axudas concedidas a proxectos moi elevadas. En total acredítase un total de investimento cercano aos 9.000.000 de euros e preto de 2.800.000 de euros en subvencións concedidas.
Na Asemblea Extraordinaria, celebrada a continuación, procedeuse á elección da nova Directiva para os seguintes 4 anos. Despois do correspondente procedemento de eleccións, configurouse a nova Xunta Directiva formada polos representantes de cada mesa sectorial de entre os presentes na Asemblea. Os cargos principais non sufriron cambios recaendo en Manuel Muíño Espasandín, Alcalde de Zas, a Presidencia; José Manuel López Varela, Alcalde de A Laracha, segue como Secretario; e tamén continúan nos cargos de Vicepresidente e Tesoureiro, Francisco Javier González Trillo (AMEPA) e Luis García Fernández (Asociación EFA Fonteboa) respectivamente. En total a Xunta Directiva queda conformada por 15 membros entre cargos e vogais.
> Departamento de comunicación do GDR Costa da Morte
Para máis información:
- 981 71 73 58 (Centraliña) - www.gdrcostadamorte.com -Twitter: @GDRCostadamorte - gdrcostadamorte.wordpress.com - Tamén podes visitar a nosa páxina en Facebook