Terra Atlántica suma seis novas empresas e amplía a súa promoción entre os Concellos da Costa da Mor
A marca territorio Costa da Morte Terra Atlántica vén de sumar seis novas adhesións de empresas, procedentes principalmente dos sectores da artesanía, froito dos encontros realizados o pasado 7 de xullo en Vimianzo e Buño. As empresas que se unen son: Obradoiro Cambón, Olería Aparicio e Cerviño. Tamén o fan outras tres empresas do eido da hostalaría e o turismo: Morada da Moa, Dakar & Rock e Casa de Trillo.
Con estas, xa son 42 as empresas adheridas á marca, que continúa traballando para aumentar a súa comunidade de entidades socias. Neste momento, Terra Atlántica conta cunha representación en todo o territorio, pois xa hai empresas asociadas procedentes dos 17 concellos da Costa da Morte.
Entrega de material promocional aos Concellos.- En paralelo, continúan os esforzos para dotar de maior notoriedade e impacto á marca. Con este obxectivo, o GDR Costa da Morte, impulsor de Terra Atlántica, fixo entrega este xoves na Casa da Cultura de Vimianzo, de novo material promocional aos concellos.
Entre o material destacan os tótems que se distribuirán nas casas consistorais da Costa da Morte, que contribuirán a reforzar a visibilidade da marca e o compromiso das institucións na súa posta en valor.
O presidente do GDR e alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou que este material “é un paso máis no labor que se vén realizando nos últimos meses, con varias actividades de networking, formación e encontros sectoriais co tecido empresarial e social da zona, que procuraron incentivar a participación e aproveitar as sinerxías entre as entidades socias da marca e contribuír deste xeito ao seu maior coñecemento e relevancia”.